04 mayo 2007

Plan TIC

Acaba de facerse público o borrador do Decreto para educación secundaria. Xa sabemos o número de horas para tecnoloxía e os contidos que teremos que traballar tanto en tecnoloxía(s) como informática. Pero como non todo vai ser criticar a nosa consellería polo tema das horas e demáis, quero comentar o ambicioso Plan TIC (plan de integración das tecnoloxías da información e a comunicación) para os centros.

Este plan deberá estar incluído no proxecto educativo de centro e o seu obxectivo final é que o alumnado acade unha competencia dixital, e para acadala propóñense unha serie de obxectivos xerais, dos que destaco:

* Fomentar a páxina web do centro.
* Coordinar a acción do profesorado de distintas áreas e materias.
* Impulsar a comunicación con outros centros e localidades.
* Utilizar o ordenador como medio de creación, de integración, de cooperación e de expresión das propias ideas.
* Mellorar a proposta pedagóxica do profesorado e a súa práctica docente ao aproveitar as posibilidades que ofrecen as TIC.
* Empregar as TIC para o traballo cotián e nas actividades de aula: programacións, proxectos, explicacións, actividades...

A posta en práctica deste plan TIC parte dun estudo inicial do centro, de marcar obxectivos, a curto e longo prazo, así como unha metodoloxía e actividades concretas para acadalos. Tamén propoñen estratexias de coordinación do profesorado das distintas áreas e niveis educativos, biblioteca escolar como centro de recursos multimedia, plan de avaliación anual, detección de necesidades formativas do profesorado,...

Veremos ata onde chega todo isto, xa que parece moi ambicioso, sobre todo tendo en conta a escasa formación do profesorado nestes temas, e moitas veces a nosa pouca predisposición para adquirir todas estas novas competencias.

No hay comentarios: