29 mayo 2012

ObradoiroBOT: xogos cun robot móbil guiado por intelixencia artificial

Este venres, 1 de xuño, teremos a sorte de participar nun obradoiro sobre robótica organizado polo CITIUS. O obxectivo xeral da actividade é que os asistentes poidan aprender algunhas das bases tecnolóxicas da robótica móbil dun xeito participativo e lúdico. Mediante diferentes talleres amosaránselles aos participantes os fundamentos que permiten dotarlle a un robot móbil de capacidade sensorial, da posibilidade de realizar percorridos dun xeito intelixente ou como interactuar co robot mediante comandos visuais que guíen as súas actividades. Nos talleres utilizaranse robot móbiles reais Pioneer 3DX e 3AT, de MobileRobots.



Primeiro teremos a conferencia “É posible fabricar robots intelixentes?” a cargo do Prof. D. Senén Barro Ameneiro, Catedrático de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial da USC e investigador no CITIUS. A charla vai formulando e dando respostas a preguntas que a súa vez tratan de contestar ao propio título inicial. Que é a intelixencia? Podemos falar de intelixencia artificial? Como podemos saber se unha máquina é intelixente? Cerebros e máquinas son parecidos? Son o mesmo capacidade de cálculo que intelixencia? É posible a intelixencia sen aprendizaxe?


Taller 1: Intelixencia ambiental Neste taller mostraranse os principios funcionais e operacionais básicos da intelixencia ambiental, isto é, a capacidade de incorporar a un contorno unha serie de sensores, elementos de computación e comunicacións que permiten detectar eventos de interese e reaccionar ante eles.

Taller 2: Interacción xestual co robot Neste taller mostramos os nosos recentes avances nesta área. Os asistentes poderán interactuar cun robot móbil a partir de xestos coas mans. O robot será capaz de identificar, entre un grupo de varias persoas, aquela que quere interaccionar con el. Ese usuario poderá controlar dun xeito sinxelo certas operacións do robot e mesmo poderá guialo polo contorno.

Taller 3: Aprendizaxe automática Neste taller probaremos o funcionamento de diversos algoritmos da técnica de intelixencia artificial denominada aprendizaxe por reforzo. Faremos que un robot aprenda, en tempo real e sen ningún tipo de información previa, o comportamento básico de seguir unha parede nun contorno acoutado. Máis información